logo

gaiteiro de soutelo

O Gaiteiro de Soutelo

Escultura adicada a Avelino Cachafeiro "o Gaiteiro de Soutelo". Auditorio de Soutelo de Montes-Forcarei.

Inaugurada o 20 de agosto de 2011 na XXXII Festa do Gaiteiro de Soutelo, para conmemorar a declaración de Interese Turístico Galego desta celebración e homenaxear ao célebre Avelino Cachafeiro.


"Una estatua de Avelino Cachafeiro presidirá el nuevo auditorio de Soutelo" (La Voz de Galicia)

Cando saibas que morrín

Gaitiña, miña gaitiña,

desperta a miña alborada

que toco pra Rosalía...

que dorme no teu punteiro

cos meus dedos tapadiña.

Avelino Cachafeiro

O deus Xano de Dornelas – Mos.

"Reproducción do deus Xano no CEIP Pena de Francia" (Dornelas – Mos)

Enlaces en prensa:


Para saber mais de deus Xano:



Escultura "Río Miño"

Esta peza ten unha base de 3 m x 1,50 m aproximadamente, pola que cae a auga que sae do interior, da representación do vello pai Miño. A figuración representa unhas ondas nas que se fusionan tres imaxes humanas (o río, Galicia e Portugal) e as formas de varios cabalos que saltan entre a auga. Os cabalos representan os saltos de auga e os afluentes que aumentan o caudal do río.

"ALEGORÍA DO VELLO PAI MIÑO"

Dende o seu nacemento veñen correndo
As augas do río Miño
Saltando entre as rochas
Na procura dos seus fillos,
Para guialos entre os vales
Ata chegar ó mar.
Somentes o vello río pai sabe o camiño.

Dende o seu nacemento veñen correndo
As augas rebulideiras
Coma se fosen cabalos.
desbocados no inverno,
no verán, potros amainados.

Aí ven o vello río pai
Cos seus fillos collidos das mans
No reflexo das súas augas verás
...Son Galicia e Portugal.

Marcos Escudero

Recuperación dos elementos de cantería da Capela de San Brais - Pazo de Mos

Trátase da recuperación dos elementos de cantería que formaban a dobre bóveda de crucería da capela de San Brais, anexa ao Pazo dos Marqueses de Mos. Este pazo foi reconstruído e inaugurado recentemente creándose a “Fundación Pazo de Mos” para revitalizar este edificio e destinalo a acoller diferentes actividades culturais da Parroquia de Mos.

Realizouse un inventario coas pezas máis importantes que apareceron, entre as que destacan: Chaves e nervos de arcos de bóveda, chanzorros (ménsulas) con querubíns tallados, chanzorro-soporte de púlpito e outros elementos construtivos de portas, fiestras, galerías, etc...

A ubicación destas pezas despois da sua recuperación foi proposta polo “Foro de Estudos Mosenses”. Marcos Escudero é membro fundador deste grupo que tenta recuperar os feitos históricos relacionados co Pazo dos Marqueses de Mos e a creación do Centro de Interpretación do Pazo no espazo da antiga capela de San Brais.

Mounumento aos homes e mulleres asasinados pola sinrazón do fascismo franquista no Concello de Mos




Inaugurado o 20 de setembro de 2008 con motivo da homenaxe organizada pola “Comisión de familiares pola memoria do 36 de Mos” e o Concello de Mos. 72 anos despois estes familiares lembraron aos seus pais, avós e irmáns asasinados á beira da estrada en diversos paseos, dende o 20 de setembro de 1936 ata o ano 1945.

O monumento sitúase na N-550 a carón do cemiterio da parroquia de Mos, un dos lugares máis terribles naqueles días de represión.

No conxunto destaca unha figura humana que está desenterrando uns libros dunha cavidade, que representa as cunetas, fosas e valados nos que apareceran os corpos dos asasinados. Os libros aparecen amontoados en varios grupos que corresponden a cada un dos paseos realizados (sempre de noite) polos falanxistas. Cada libro representa a unha vítima co seu nome inscrito no lombo.



Escultura adicada a María Magdalena "poetisa da Louriña"

Nacín muller

Nacer muller no século vinte…
¡Que falta de prudencia!
Nacín muller e teño tres defectos:
ser muller, ser pobre e ser poeta.

Nacín muller … ¡que mágoa!
Nacer fóra do tempo,
nacer muller nun mundo para homes feito,
foi a perda máis grande,
foi o erro primeiro.

Son pobre por desgracia,
diso culpa non teño,
pero por ser poeta
se Deus non o remedia,
vou ter que ir ó inferno.

Se queres vivir ben e ter amigos,
non escribas poemas
pois con menos delito
condenaron a moitos á fogueira.

¡Que desgracia tan grande é inda hoxe…
nacer muller, ser pobre e ser poeta!

María Magdalena. Poeta da Louriña.

Proposta de recuperación dos restos do muiño do Valente a iniciativa da A.V.V. Sta Baia de Mos.

MOS - MOLIS.

RECUPERACIÓN DOS RESTOS DO MUIÑO DO VALENTE.

As obras de mellora da estrada N-550 causaron a desaparición do Muiño do Valente. Daquel muíño hoxe somentes quedan catro pedras; O Pé, a moa ou roda do muiño e as dúas últimas pezas da canle.

Varios estudos e publicacións relacionaron tradicionalmente o topónimo do concello de Mos cos muíños, xa que “a moa” (do latín molan) convertese en “a mo” debido a unha variante lingüística e fai plural en as mos (as moas).

Por outra banda, documentos da Idade Media refírense á nosa Parroquia co nome de “Terra de Molis”, que deu pé a interpretalo como “terra de muíños”.

Hoxe en día esta teoría é dubidosa, xa que probablemente o topónimo débese a outro tipo de moas. O termo “moa” dá nome noutros lugares de Galicia a penedos ou montes con forma de moa dental. O gran número de penedos destas características que atopamos no camiño de Santiago (a XIX Vía Militar dos romanos), no percorrido dende o Barrio de Amieirolongo ata o da Gándara, parecen ser a verdadeira orixe do nome do noso concello. Foi a citada variante lingüística a que fixo derivar “as moas” en “as mos”, o mesmo termo que utilizamos cando falamos das rodas dos muíños.
Polo tanto a interpretación correcta de “Terra de Molis” é: Terra de Mos.

A idea de recuperar os restos do muíño para a nosa memoria colectiva e noso patrimonio cultural convértese, por relación, na maneira de divulgar tamén a orixe toponímica do noso pobo.


Monumento conmemorativo do dia contra a violencia de xénero(25/11/06)

*Figuración dunha muller (torso, cabeza e brazos) que representa á sociedade. Ten unha man na cara reflexando a súa dor polas 65 mortes derivadas da violencia de xénero en todo o Estado (2006). A outra man agarra un canto rodado que xunto a outros que están incrustados no bloque de granito simbolizan cada unha destas mortes.

*(Camiñando cara á Igualdade) a escultura serviu como punto final a unha marcha que percorreu o tramo do camiño de santiago ó seu paso por Mos, organizada polo Concello .

Os participantes portaron os cantos rodados dende o inicio do percorrido ata chegar ó final e colocáronos na escultura.

Esculturas en pedra reflexo da cultura tradicional galega:
costumes, oficios, lendas, crenzas e representacións de persoaxes mitolóxicos (meigos, fadas, bruxas, etc,...).

* O vello. Granito alvero (160x50x60cm.).

Escultura do peixe.